
Cando hai uns días pasei polo centro da vila co coche (de feito hai tempo que deixei o carro de bois), pois case tiven que refregar os ollos, xa que a perplexidade do que estaba a ver case me distraia da magna tarefa de guia-lo meu vehiculo: alí estaban, dous semáforos fronte a “Agustín” e outros dous en fronte do Gadis, os pasos de peóns máis famosos da vila, separados por uns cen metros (metro arriba, metro abaixo). A fermosa parella, cuarteto según se mire, consta de dous exemplares situados en ámbalas direccións, que sen dúbida serían a envexa do primo bastardo de tarzán ou no seu defecto dalgún deses atletas ós que lles gusta reviravoltear sen fin en competicións de alta testosterona.
O día seguinte, pola mañanciña, a iso das 12, vin como uns operarios (non sei se os mesmos da primeira sensación deste nadal) estaban a colocar unha pantalla electrónica, duns 2 x 2,5 metros, que ten a finalidade de… pois supoño de recibir calorosamente os visistantes e de poñer en coñecemento dos cedeireses as follas parroquiais, os decesos, as actividades culturais e cunha pouca de sorte, o sexo dos anxos.
Comprendín nese intre que ese era o concepto que algúns tiñan de modernidade, que iso tiña que ser unha mostra feacciente de que efectivamente estabamos no século XXI, mais onde estaban os replicantes, os coches voadores e as chinesas anunciándose na nosa patantalla sacacórneas 3000?
Sinxelamente non as había porque o mundo en Cedeira vai a outra velocidade, nin boa nin mala, simplemente a unha velocidade que recomenda valorar doutra maneira as cousas e guiarnos pola sinxeleza da nosa minusculidade harmónica, non tan lonxana se cabe á dunha vila que debería seguir sendo unha vila e non un circo para os que nos visitan con asiduidade e para os propios Cedeireses.
Entendo que en ocasións os cartos queiman no peto e máis cando non sabes con qué modernidade inneceseraria poderías dotar esta antiga vila de labregos e mariñeiros, agora refuxio de ilustrados que só se fixan nas fotografías dos folletos turísticos que caen nas súas mans.
Esta é a vila que queremos para nós, para os nosos fillos, para a xente que nos visita? Penso que matinando detidamente en todo isto, podemos chegar á conclusión de que non a é e que nos estamos encamiñando, moi probablemente, cara a desatención cidadá, xa que non son capaces de satisfacer as necesidades primordiais dunha vila, que precisa de todo e máis nestes tempos de crise, nos que os cartos non sobran especialmente.
Chega o nadal e hai que cumplirlle os soños ós nenos grandes, eses mesmos que un día decidiron meterse na política, xa sabedes, eses mesmos que xa están en campaña, eses mesmos que queren venderlle catro semáforos e unha pantalla a unha vila de persoas prácticas e necesitadas, das mesmas que só agardan que o seu día a día se vexa cuberto pola seguridade dun concello eficiente, mais sinto dicir, alomenos esa é a miña sinceira impresión que nestes intres non o é, tal vez remataremos tendo semáforos ata a gasolinera, mais iso non fará que a nosa vila gañe en grandeza, mais ben enpequenecerase polas avanzadas ideas dos que un día viron a palabra “moderno” escrita con lume en catro semáforos e nunha pantalla non apta para unha convención de epilépticos. Do que saia daquí, manterémosvos debidamente informados, alomenos alguén nesta vila si que o vai facer.
O Confidencial.
pd: Bo nadal e feliz 2009!